dijous, de febrer 14, 2008

O retorno, volver outra vez a comezar.

Guaita! Per casualitat he trobat un article d'en Cogolo, i de novembre passat! Feia anys que no sabia res d'ell!

http://www.elcorreogallego.es/indexServicios.php?idMenu=154&idNoticia=108563


O retorno, volver outra vez a comezar. Por Salvador Soutullo Carolo
27.11.2006
SALVADOR SOUTULLO CAROLO. EMIGRANTE RETORNADO, ESCRITOR E ARTICULISTA
A cuestión do retorno comeza a presentarse no emigrante dende o mesmo día en que colle o camiño que o levará lonxe da súa terra; ou en moitos casos o mesmo día que comeza a pensar que vai ter que emigrar. Algúns conseguirán ese desexo que sempre leva un dentro da súa máxima intimidade e outros non, pero dentro dos que o chegamos a conseguir tamén existen diferenzas, como pode ser que ese retorno se produza en idade laboral activa, que se produza xa unha vez xubilado, que se produza de maneira que toda a familia se reagrupe no territorio galego (cousa que moi poucos conseguimos) ou que se produza deixando membros da familia nos países de acollida e non pechando deste xeito a división familiar, esa división traumática que fai que uns vivamos na Galiza e outros na emigración. Ademais destes factores existen outros que tamén diferencian a uns e outros emigrantes galegos cando emprenden o retorno, falamos de cousas como o país de acollida do que veñen, ou dos recursos económicos que traen.

Imos situármonos no principio, cando o emigrado ou os emigrados chegan ao país de acollida (ou á comunidade autónoma do propio Estado español; porque eu como nacionalista considero que se Galiza é unha nación todos os que saen a traballar fóra das fronteiras da actual comunidade autónoma de Galiza son emigrantes galegos), teñen que solucionar rapidamente dúas cousas fundamentais que son o traballo e mais a vivenda; despois virá a reagrupación familiar se quedou algúen na Galiza e sempre que se considere que a etapa de emigración vai ser longa.

Esta reagrupación familiar no país de acollida é, ás veces, complicada. Trátase en moitos casos de levar xunto aos pais os fillos que quedaron a cargo dos avós ou doutros familiares na Galiza e que, unha vez instalados no país de acollida, queren loxicamente levar con eles.

Se dicimos que a reagrupación familiar é difícil cando se trata de facela no país de acollida ao comezo dunha emigración que se intúe que vai ser longa, normalmente o é aínda moito máis cando os pais que emigraron hai trinta ou corenta anos e xa estan xubilados deciden volver á Terra e intentan reagrupar a familia no retorno, na Galiza.

Este intento dunha segunda reagrupación familiar na Galiza despois de trinta ou corenta anos na emigración atopa enormes dificultades porque, desta volta, os fillos non son uns meniños que se poidan levar onde deciden os pais e moitas veces prefiren quedar no país de acollida que en moitas ocasións coincide tamén co país onde naceron.

Así é como nos atopamos coa desgraza de que a emigración dividiu unha familia tanto no momento de saír como no momento do retorno, o emigrante que pasou varias décadas fóra da Galiza sempre quedará marcado por esa experiencia, aínda que conseguise traballar cunha certa dignidade e aforrar algúns cartos. As familias nun tanto por cento elevado rematan por dividirse nun momento ou noutro do proceso Galiza-Emigración-Galiza e o proceso en moitas ocasións convértese en Galiza-Emigración-Galiza-Emigración e así sucesivamente nun círculo vicioso que só remata cando alguén perde folgos por problemas de idade ou de saúde e queda xa nun lugar determinado esperando o final dos seus días.

Pero, seguindo co tema do emigrante retornado, poñámonos no caso dunha persoa ou dunha familia en idade laboral activa que consegue superar todos os atrancos e chegan a instalarse en territorio galego. Dende as institucións públicas galegas ten que existir sensatez e saber que hoxe en día a volta dun emigrante ou dunha familia emigrante é unha auténtica carreira de atrancos, exceptuando a unha minoría de persoas que fixeron fortuna no país de acollida e chegan aquí con suficientes cartos para vivir deles ou para poder investir sen necesidade de axudas públicas; o resto dos mortais atopámonos con moitos problemas á hora de poder atopar un traballo digno.
Ademais, para poder acceder a moitas das axudas públicas existentes na comunidade autónoma ten que ser nun período que vai dun a dous anos dende o momento de empadroarse na Galiza, quedando fóra desta cobertura social moita xente. Se un emprendedor quere montar un negocio con poucos cartos pero con visión de futuro, en moitas ocasións mentres fai os trámites precisos xa pasou máis tempo do que moitos plans públicos esixen para poderse acoller a eles. Se o caso é o de buscar un traballo digno por conta allea, tamén pode chegar a eternizarse. Xa pedía eu o 18 de xullo do ano 2000 cando comparecín na comisión non permanente de estudo da emigración do Parlamento da Galiza que era preciso tomar medidas de discriminación positiva cos emigrantes que desexen retornar, tanto tocante ao acceso á vivenda como a un posto de traballo e outros temas. Certamente, pódense aplicar, e ademais son vistas como moi progresistas, medidas de discriminación positiva para as mulleres tamén; se existe vontade política, pódense levar a cabo estas medidas cos emigrantes retornados.

Pero volvamos ao tema do tempo no que un é considerado oficialmente un emigrante retornado pola Xunta de Galiza e polo resto de institucións públicas. Un é emigrante toda a vida porque sempre terá vínculos co país de acollida e un tería que ser recoñecido oficialmente a efecto de axudas públicas como emigrante retornado dende o mesmo momento no que comeza a planificar o seu retorno ata que poida asentarse con dignidade na Galiza; incluíndo nisto vivenda, traballo, escolarización dos fillos ou do propio retornado…